Saturday 18 de May de 2024

Mercedes Peón e as mellores orquestras de Galicia actuarán na Romaría de Santa Minia


O Concello de Brión elabora un programa de cinco días de actividades, do sábado 23 ao mércores 27 de setembro

A música será un dos principais atractivos desta edición, coa participación das orquestras Finisterre, Olympus, París de Noia, Compostela e Capitol

O Concello de Brión vén de dar a coñecer a programación especial co gallo das Festas de Santa Minia, que terá lugar ao longo de cinco xornadas: do sábado 23 ao mércores 27 de setembro. Unha programación na que a música será un dos principais atractivos, coa participación de cinco das mellores orquestras de Galicia e de Mercedes Peón, que se unirán aos tradicionais atractivos desta festa: misas, polbeiras, fogos de artificio, postos de venda ambulante…

Con respecto a anteriores edicións mantéñense novidades como o “Punto Lila”, que funcionará na Carballeira de Santa Minia como un punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión machista e tamén como punto de sensibilización y concienciación da necesidade de que esta Romaría sexa un espazo libre de violencia de xénero. Como en anos anteriores, tamén volverá a haber momentos de menor ruído na zona das atraccións infantís para facilitar a inclusión de toda a rapazada.

Ao igual co ano pasado, a tradicional queima da fachada da Véspera será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio, que se manterá como en edicións anteriores, con tres puntos de lanzamento diferentes para que todo o municipio poida desfrutar dos mesmos.

Así mesmo, para protexer a Carballeira de Santa Minia e a súa contorna, as grandes actuacións das orquestras París de Noia, Finisterre e Olympus terán lugar nunha finca a carón das polbeiras. Pola súa banda, as atraccións infantís volverán estar emprazadas na finca fronte ao centro social polivalente, ao pe da avenida de Santa Minia.

Unha avenida na que se instalarán os tradicionais postos de venda, especialmente entre as 16:00 horas do martes 26 ata as 23:00 horas do mércores 27 de setembro, tempo no que estará cortado o tráfico na zona. Para os veciños e veciñas que residen nesta contorna, o Concello de Brión ofrece uns pases especiais para poder acceder aos seus domicilios con vehículos, sempre que o soliciten por escrito antes do venres 22 de setembro nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica municipal.

A previsión é que este ano se instalen máis de 150 postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… A maiores, cinco polbeiras estarán instaladas a pé da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos.

Programación

O alumnado das escolas de Danza e Música Tradicional do Concello de Brión serán as encargadas de abrir a programación da Romaría de Santa Minia 2023 cunha actuación na praza do Concello o sábado 23, ás 18:00 horas. Ás 22:30 horas chegará un dos pratos fortes desta edición: o concerto de Mercedes Peón coa súa xira Ingrávida. Unha actuación a cabalo entre o acústico e a electrónica na que Peón estará acompañada polos grupos de pandeireteiras Raigañas e Xirifeiras, por voces de Concerto Tempo, Polo dúo Caaamaño & Ameixeiras, e por Mónica de Nut e Ana Fernández.

O domingo 24 de setembro, ás 13:30 horas, terá lugar unha sesión vermú na carballeira con “Os Tristes”, un espectáculo cómico-musical dos actores Federico Pérez e Marcos Pereiro. Pola tarde, a praza do Concello acollerá ás 18:00 horas o espectáculo de maxia “Trapalladas ben feitas”, da man dos magos Martín Camiña e Fani. Unha hora despois, a carballeira de Santa Minia acollerá unha nova edición do Festival de Bandas de Música, coa actuación da Banda Municipal de Música de Brión e a Banda de Música de Arca. Pechará a xornada a verbena da orquestra Compostela a partir das 21:30 horas.

O luns 25 de setembro, novo espectáculo de maxia ás 19:00 horas na praza do Concello. Desta vez será o Mago Teto quen presente “Rock n magic”, un espectáculo que mestura o rock e a maxia. A verbena nocturna correrá a cargo da orquestra Capitol, a partir das 22:30 horas.

O martes 26, Día de Véspera, a música da xornada correrá a cargo do grupo de gaitas Noroeste, aos que pola tarde se sumará o grupo de gaitas Devagarinho. Pola noite, o grupo Tanias Veiras actuará na carballeira a partir das 21:00 horas previo ao mencionado espectáculo de luz e son, acompañado por unha tirada de fogos de artificio, das 0:00 oras. A xornada pecharase co concerto da París de Noia, a partir das 0:30 horas.

Finalmente, o Día de Santa Minia estará amenizado polas charangas Os Celtas de Negreira e cunha sesión vermú co Grupo Tania Veiras, que fai dobrete. Pola tarde, ás 17:00 horas actuará a agrupación musical tradicional Tíralle do Aire. As oquestras Finisterre (21:00 horas) e Olympus (23:00 horas) porán o broche de ouro ás festas.

No que atinxe aos actos relixiosos, a novena comezou este domingo 17 de setembro e prolongarase ata o 25 deste mesmo mes, con misas todos os días ás 10:00 e 20:00 horas. O domingo 24 haberá oficios ás 10:00, 11:00 e 20:00 horas. O martes 26 (Véspera) haberá misas tanto de mañá (10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas). Finalmente, o Día de Santa Minia celebrará a misa solemne ás 13:00 horas. Os demais oficios serán tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (16:00, 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas).